Wednesday 08 de May de 2024

A Oficina de Información Catastral de Riveira abrirá o primeiro e o terceiro xoves de cada mes a partir de xullo


Estará situada na Área de Atención Cidadá do Consistorio

Xa hai data para a apertura da nova Oficina de Atención e Información Catastral ao Cidadán do Concello de Riveira. Abrirá as súas portas o primeiro e o terceiro xoves de cada mes a partir da semana que vén (6 de xullo).

A oficina estará situada na Área de Atención Cidadá situada no andar baixo do Consistorio Municipal, cuxo horario de atención ao público é de 9.30 a 13.30 horas.

Deste xeito, os veciños do municipio poderán facer a partir de xullo as consultas e trámites necesarios respecto a este rexistro sen ter necesidade de desprazarse ata a cidade da Coruña como sucede ata agora.

A tal efecto, persoal especializado facilitará información sobre os criterios, módulos, coeficientes e táboas de valoración aplicados ás fincas, así como os datos que lles serven de base. Tamén recabará información e recollerá recursos, altas, cambios de dominio ou reclamacións presentadas polos titulares catastrais e os documentos acreditativos da existencia do erro que se tivera detectado. Facilitaranse para todos os trámites os impresos adecuados da Xerencia Rexional do Catastro de Galicia-A Coruña para a súa correspondente tramitación e resolución.

O servizo será desempeñado pola empresa Eibisa Norte, S.L., entidade que se vén de ocupar por encargo da Deputación Provincial da actualización catastral de 75 concellos da provincia, Riveira entre eles, sendo coñecedora por tanto da realidade catastral do noso termo municipal.